Nos camiños

CGAC, Santiago de Compostela, Decembro 2007
vídeos: A Río, a Terra, a Fábrica
maqueta
e peza: plano- contraplano.
Fotografía da instalación mark Ritchie

Localizada mais alá dos lugares institucionalmente asinados para a producción de arte, moi preto da orde das cousas cotiás, e lonxe de fuxir da calificación de arte contemporánea, concibiuse a intervención artística “Nos Camiños”, desenvolvida no barrio de Lavadores, en Vigo, en marzo de 2007, por Carme Nogueira. Formando parte dun proxecto mais amplo do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), dedicado á investigación é experimentación artística en torno as diferentes derivas socioespaciais en Galicia baixo o título de “A trama rururbana”, “Nos Camiños” desenvolveuse coma unha primeira intervención por e para o Museo pero dende fora do Museo. Esa sería o primeiro dun abano de paradoxos cos que nos atopamos ó longo de toda a posta en escena da intervención.

A primeira posta en escena do proxecto “Nos Camiños” tivo lugar do 6 ó 16 de marzo de 2007. Durante eses días, expúxose unha maqueta, construída con polistireno comprimido sobre pranchas de corcho, na que se reproducía, a escala 1:250, o entorno do barrio de Lavadores en base á documentación cartográfica extraída do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do concello de Vigo. A maqueta, deseñada e elaborada durante tres meses por un grupo de mulleres entre as que se contaban a propia artista, a arquitecta Iria Sobrino, e traballadoras da empresa encargada da producción -PXC (Producción e Xestión Cultural, S.A.)- estaba composta de catro pezas de arredor de dous metros cada unha, cuxa ensamblaxe resultou nun producto de 4 x 2 metros.
Como xa se mencionara, a reconstrucción, tanto dos edificios situados dentro do recinto fabril (Santa Clara, Vanosa etc.) como de algúns dos símbolos mais identificables co GEA (a chimenea, o campo de deportes) supoñen unha reconstrucción, unha representación do entorno que, a través deses elementos, asume un posicionamento en canto a este entorno. Así, a propia reconstrucción da fábrica, a instalación da maqueta primeiro no solar de enfronte á entrada da fábrica, antiguo aparcadoiro e logo no xardín da asociación de veciños, constituíse coma unha acción que exhibía unha representación propia. A posta en escena da intervención levou á posta en escena de diferentes narrativas en torno ó que se estaba a representar.
Se ben nun primeiro momento abondaba a curiosidade por anticipar a urbanización do barrio, outras referencias foron aparecendo mentres a maqueta estivo situada no solar. Houbo algo de nostalxia pola fábrica, patente na insistencia na súa viabilidade económica e na mala xestión, e materializada en mostras dos productos que alí se fabricaban; ofrecementos de xestión dunha visita ó recinto de Álvarez co propósito de axustar a maqueta á realidade actual; pero tamén evocacións da conflictividade que se vivira na zona. A posta en escena dunha representación construía e reconstruía, a súa vez, diferentes representacións. Discurso sobre discurso, representacións simbólicas sobre representacións simbólicas: a posta en escena dun lugar de encontro constituíase coma lugar de encontros, de diferentes visións en torno a un referente simbólico.
Os paradoxos e as diferentes narrativas arredor da vertebración do barrio en torno á fábrica e o seu impacto evidenciábanse nun contexto de deslocalización da localización. A heteroxeneidade de liñas discursivas superpostas a dous símbolos facilmente identificables, o río e a fábrica, superaba a posibilidade dunha única representación, e acentuaba o valor da intervención como xeneradora de diferentes imaxinarios abertos en torno a unha representación pechada. A maqueta tornábase nun medio.

O medio, o fin, a eficacia… a arte e o sentido do cotián

María Lois.
folla da sala